Autoras/es Nome
Nome Mário
Apelidos de Sá-Carneiro
Web
Email
Biografía Mário de Sá-Carneiro Mário de Sá-Carneiro naceu en Lisboa en 1890 e está considerado un dos maiores expoñentes, xunto a Fernando Pessoa, da xeración de Orpheu. Pertencente a unha familia da alta burguesía, neto e fillo de militares, quedou orfo de nai aos dous anos, e foi criado polos avós na freguesía de Camarate, aínda que recibiu a axuda económica do pai. Aos vinte e un anos, en Coimbra, namentres estudaba Dereito –carreira que non concluíu–, coñeceu o seu grande amigo Pessoa, que o introduciría nos cenáculos literarios. Trasladado a París, matricularíase na Sorbona, pero axiña mudaría as aulas pola vida bohemia, cuxa crónica se atopa en Memórias de Paris (1913). En 1914 publicou o seu primeiro libro de poemas, Dispersão, o mesmo ano no que autoeditaba a novela A confesión de Lúcio, que ocupa un lugar sobranceiro no seu labor como narrador, completado coas colectáneas Princípio (1912) e Ceu em Fogo (1915). O estalido da Primeira Guerra Mundial cadrou co seu regreso a Lisboa, onde, canda Pessoa e José de Almada-Negreiros, participaría na creación do primeiro grupo modernista portugués, cuxo órgano de expresión foi a revista literaria Orpheu, coa que pretendían escandalizar a sociedade burguesa e urbana da época coas súas propostas de vangarda. En 1915 tornou a París e comezou unha intensa relación epistolar con Pessoa. As súas cartas constitúen unha valiosa crónica da súas intensas fases de angustia, motivada polas frustracións íntimas e a diferenza que percibía entre a vida real e a imaxinaria. A súa depresión rematou nun suicidio, no Hôtel de Nice, en Montmartre, o 26 de abril de 1916, tras inxerir cinco frascos de arseniato de estrictina. Antes da súa morte enviáralle os seus poemas inéditos a Pessoa, publicados en 1937 no volume Indícios de Ouro.
Observacións
Listaxe Monografías
Título Xénero Lingua Ano
A Confissão de Lúcio LIT_Narrativa_Novela Portugués - por 1914
Listaxe Traducións
Título Xénero Lingua Ano