Textos críticos |
Manuel Quintáns S., “Unha obra de Goethe en galego”, El Correo Gallego, “Edición 7”, 25 maio 1997, VII. Breve comentario sobre a obra, que segundo afirma o seu traductor “ven ser, en certa maneira (...), unha autobiografía espiritual na que o autor expón as súas reflexións sobre a condición humana ao longo dos seus sesenta anos que, con intermitencias, durou a súa elaboración”.
-Francisco J. Gil, “Fausto chega a Galicia”, Faro de Vigo, “El Sábado”, nº 1, 6 setembro 1997, p. 5. O recensionista cre que a publicación desta obra supón un enriquecemento para o galego. Gaba a calidade da peza teatral e a traballosa traducción de Lois Tobío, pois xa pasaron máis de setenta anos dende que este decidise emprender esta empresa. Sobrancea o feito de que Laiovento respecte tódalas opcións ortográficas, o cal lle custou neste caso a perda da subvención da Dirección Xeral de Política Lingüística.
“O “Fausto” de Goethe”, O Correo Galego, “A Maltrana”, 31 marzo 1997, p. 3. Fai unha lembranza das escasas obras de Goethe traducidas ó castelán no século XIX, o que provoca que se coñeza maioritariamente este autor no noso país a través das traduccións francesas e italianas. Comenta a traducción dunha parte do Fausto na editorial Nós e unha conferencia de Ramón Otero Pedrayo no centenario do autor alemán. Tamén lembra a versión doutro fragmento feita por Manuel Lourenzo no 1984. Finalmente, salienta a traducción feita por Lois Tobío Fernández para Edicións Laiovento. |