Textos críticos |
-Paco Fernández Rei, “Manzoni en galego: Os noivos de Xavier R. Baixeras”, A Trabe de Ouro,
“Publicacións”, nº 28, Tomo IV, ano VII, outubro-novembro-decembro 1996, pp. 121-125. Artigo no que,
punto por punto, se fai unha análise pormenorizada da obra de A. Manzoni, Os noivos e da súa traducción
ó galego por Xavier R. Baixeras. O crítico trata en primeiro lugar a importancia desta obra no marco da
literatura italiana do XIX e o valor lingüístico da novela por ser fundamental no proceso de elaboración e
codificación da lingua italiana literaria moderna. A continuación, céntrase no labor de traducción de
Baixeras e fai unha valoración xeral da mesma afirmando que se trata dunha “excelente traducción”, aínda
que mostra algúns dos seus erros e acertos máis representativos.
-Xavier Castro R., “Tensións e contraste”, El Correo Gallego, “Edición 7”, 24 novembro 1996, p. 9. Salienta
Xavier Castro as palabras do traductor da obra, Xavier Rodríguez Baixeras, cando se sorprende do
descoñecemento que se acostuma ter dun narrador que en estudios e investigacións só é superado pola figura e obra de Dante. Comenta a continuación que se trata dunha obra redactada en dous
momentos, que foi revisada por Manzoni e que este simulou a súa procedencia dun manuscrito do século
XVII. Sinala tamén que con esta obra se inicia unha nova maneira de concibir, de sentir e de recrear que a
eleva, segundo Goethe, moi por riba do que, en xeral, chamamos novela.
-F. Martínez Bouzas, “Reconciliarse con Os noivos”, O Correo Galego, “Revista das Letras”, nº 137, 12
decembro 1996, p. 6. Sinálase que se trata dunha novela romántica, histórica e seguramente moitas cousas
máis, pero sen truculencias góticas nun argumento comprensible que remata co triunfo dos bos. Afírmase
que recrea un mundo no que a relixión é hipertrófica, obsesiva, sen correspondencia coa condición real da
sociedade italiana do XIX. Maniféstase tamén o recoñecemento ás empresas editoriais e ós traductores que
ofrecen na nosa lingua clásicos doutras literaturas como este, que están a poñer algo máis cós asentos e
alicerces dunha lingua en proceso de normalización. |