Textos críticos |
-María Xesús Nogueira, “Terra, mar e lume”, Grial, nº 131, xullo-agosto-setembro, Tomo XXXIV, 1996, pp.
426-427. A obra de Úrsula Heinze supón unha “nova liña na traxectoria editorial do Centro Ramón Piñeiro”,
ó engadirse ó catálogo unha traducción ó galego de textos poéticos de culturas tan “afastadas” e
“descoñecidas”. María Xesús Nogueira centra o interese desta publicación principalmente no seu “carácter
pioneiro” e no “significado extraliterario da escolla, ó procederen estas voces poéticas de países que coñeceron unha situación difícil nos últimos tempos”. A “temática variada” e resumida no título da obra é
“unha ampla mostra de textos que deixan constancia da riqueza descoñecida destas literaturas”,
constituíndo, en palabras da recensionista, “unha contribución máis ó diálogo das nosas letras coa literatura universal”.
-Anxo Tarrío Varela, “Terra, mar e lume”, O Correo Galego, “Recanto do cataventos”, 20 outubro 1996, p.
3. Refírese a Terra, mar e lume (1996), traducción de Úrsula Heinze que recolle poemas de escritores de
Bosnia-Herzegovina, Bulgaria, Croacia, Eslovenia, Macedonia, Montenegro e Serbia. Tarrío considera
esta traducción de poemas pertencentes a países decote castigados pola guerra e polo fanatismo unha
homenaxe á literatura e un monumento á tolerancia.
-Alfredo Conde, “Compromiso con poucas bromas e moito traballo”, O Correo Galego/El Correo Gallego,
“Os outros días”, 20 outubro 1996, p. 48/p. 4. Refírese ó libro de Úrsula Heinze, Terra, mar e lume, no que
aparecen traducidos ó galego poemas de Bosnia-Herzegovina, Bulgaria, Croacia, Eslovenia, Macedonia,
Montenegro e Serbia. Agradece o feito de que Úrsula Heinze nos ofreza a posibilidade de que falemos de
poesía galega sabendo de qué van as outras e salienta a actitude de compromiso coa cultura galega por
parte da traductora deste libro.
-Agustín Sixto Seco, “Da alemana de Roxos e o arxentino do Irixo”, El Correo Gallego, “De portas para
fóra”, 2 novembro 1996, p. 3. Comenta a presentación do libro Terra, mar e lume (1996), de Úrsula
Heinze, editado polo Centro de Investigacións “Ramón Piñeiro” e no que aparecen traducidos ó galego
poetas bosnios, croatas, búlgaros, eslovenios, macedonios, etc. Tamén comenta a aparición da obra
Estación Marítima (1996), de Luís Tosar.
Maure Rivas, Xulián, “Terra, mar e lume”, Viceversa, nº 3, “Críticas e
recensións”, 1997, pp. 155-156.
Comentario sobre Terra, mar e lume (1996), analecta de máis de cento cincuenta poetas de
Bulgaria e da ex-Iugoslavia realizada por Úrsula Heinze de Lorenzo. Recórdase que a galegoalemana
se valeu de versións noutras linguas europeas por non ter coñecemento abondo dos
falares sudeslavos. En calquera caso, valórase o feito de podermos así acceder a textos de
variedades lingüísticas tan apartadas e dá diversos exemplos de traduccións, realizadas tamén
con outras interpostas, en ámbitos culturais como o español. Critícase o excesivo prezo da
edición, debida á Xunta de Galicia, xa que opina que pechará ós lectores máis novos o acceso a
esta escolma. Finalmente quérelle agradecer á responsable da edición as introduccións dos
diferentes apartados do volume.
|