Textos críticos |
O libro de Carles Bellsolà (Barcelona, 1972), que se publica en edición bilingüe catalán-galego,
está composto por un conxunto de poemas nos que o eu lírico describe accións da súa propia
experiencia e da vida cotiá, ó tempo que narra unha historia de amor. Neste exercicio bota man
dun discurso chan e coloquial, no que introduce termos da linguaxe erótica e da modernidade.
Trátase, en definitiva, dunha poesía iconoclasta de espacios urbanos que contrastan coa “horta
metafórica” onde se instala o eu lírico cando abandona o amor. O poemario está estructurado en
catro seccións: “Intervalo”, “O tempo das ameixas”, “Ferros e ameixas” e “Intervalo”.
Recensións:
-Manuel López Foxo, “Moita parrocha e pouca poesía”, A Nosa Terra, nº 857, “Guieiro Cultural”, 19
novembro 1998, p. 27.
Manifesta non entender como un libro de pouca calidade literaria como o de Carles Bellsollá logra un
premio en Barcelona e consegue ser publicado na colección “Ablativo Absoluto”. Reproduce un poema do
libro para defende-los seus argumentos e para criticar a editoriais galegas que publican obras coma esta e
deixan fóra obras de escritores galegos de moita máis valía. Considera que Ferros e ameixas é a expresión
dun mozo urbano no que se atopan claves como “vodka e sexo, cine e fritura, opresión e liberdade, gozo e
amargura, ilusión e desencanto”. Di tamén que nel non se atopa poesía e que para “facer este tipo de
literatura non fai falla ser escritor. Abonda con saber escreber”.
Referencias varias:
O. N., “As experiencias”, Tempos Novos, nº 19, “Voces e Culturas. Crítica. Libros”, decembro 1998,
65.
Alude á obra de Carles Bellsolà, Ferro e ameixas, que conseguiu o Vº Premio da Aula de Poesía de
Barcelona. Sinala que se trata dun poemario que está na liña da chamada poética de experiencia, con
“moito alcol, moito noxo pero moi pouco lirismo”, para logo servirse das palabras de Jorge Riechmann para
criticalo.
|