| Textos críticos |
Ábrese este volume cun escrito introductorio titulado “Mostra de poesía latina nos Estados Unidos
ou oito poetas furan na identidade”. Ademais de tratarse nel temas referentes ó interculturalismo e
ó multilingüismo nos escritores e de comentarse certos aspectos sobre os dous grandes grupos
de escritores de tradición “latina” nos Estados Unidos, dáse conta tamén dos criterios de selección
a seguir á hora de facer esta edición. Móstrase a continuación unha serie de poemas escritos
totalmente, ou case totalmente en inglés, ó lado da súa correspondente traducción ó galego. Os
autores destas composicións, dos que ó final do volume se ofrecen unhas notas biobibliográficas,
son Alberto Ríos, Alma Luz Villanueva, Carlos Cumpián, Neftalí de León, Gloria Anzaldúa, Martín
Espada, Pat Mora e Víctor Hernández Cruz. A temática das súas creacións aquí presentadas é
común na súa meirande parte, xa que neles late a queixa polo trato que recibe a xente do campo,
a muller, “os habitantes de bocas hispanas” ou os habitantes da fronteira, que a cotío son
maltratados por aqueles seres que se consideran, por distintas razóns, superiores a eles.
Recensións:
-Vicente Araguas, “Un xesto de identidades”, O Correo Galego, “Revista das Letras, Artes e Ciencias”, nº
35, 12 novembro 1998, p. 6.
Explica os traballos anteriores de Consuelo García Devesa, que é a traductora deste libro e fai ademais
o traballo introductorio. Céntrase logo na orixe dos poetas antologados, dicindo que a súa calidade poética
é regular porque “prefiren a letra á música” e iso “esteticamente é ás veces un chisco ruín”. Comenta tamén
algúns detalles da traducción, que considera boa, e escolle os poetas que prefire. Remata agradecendo a
iniciativa de introducir aquí “eses novos mundos poéticos”.
Referencias varias:
Manuel Vidal Villaverde, “Do tempo de Lugo e de Vigo”, Atlántico Diario, “Mar de Fóra”, 23 abril
1998, 30.
Ver Díaz-Castroverde, Fernando, Camiño de píntegas, nestas páxinas.
O. N., “Labirintos de identidade”, Tempos Novos, nº 13, “Voces e Culturas. Crítica. Libros”, xuño
1998, 61.
Indica que baixo o título de Labirintos de identidade, recolle Consuelo García Devesa, unha mostra de
poesía latina nos Estados Unidos en edición bilingüe inglés-galego. Sinala que os seus creadores son tres
autoras e cinco autores chicanos e portorriqueños afincados en EE. UU., para a seguir, ofrecer un breve
comentario sobre a súa escrita.
|