Traducións
Título O reiciño de Galicia
Autoras/es Nome  Enrique (Henrique) Harguindey Banet
Publicacións  Le petit roi de Galice (La légende des siècles)
Ilustracións  Lugrís Vadillo, Urbano
Xénero  LIT_Poesía
Lingua  Galego - glg
Direccionalidade  Directa
Ano  1998
Edición  bilingüe
Formato, volume, fascículo, número, páxinas  21 cm, il., 135 p.
Obra completa, Antoloxía  
Tipo de edición  1ª edición
ISBN  84-89896-17-8
Lugar de edición: editora, colección  Santiago: Editorial Laiovento, Col. (P) Poesía nº 100
Localización e signatura  BUV, FFT 869.9=03 HUG pet
Fonte  Libro propio
Soporte  Papel
Introdución e notas  Introdución e notas do tradutor
Textos críticos   Nesta obra do francés Víctor Hugo (Besançon, 1802-París, 1885) preséntase o drama do intento de usurpación do reino de Galicia a Nuno, un imaxinario fillo do rei García. A introducción do tamén responsable da traducción, Henrique Harguindey, comeza pola biografía de Hugo deténdose nos episodios vitais máis salientables da súa axitada existencia. Continúa referíndose á súa obra, en particular á relación que mantivo co Romanticismo, e leva a cabo un percorrido polos distintos xéneros cultivados polo escritor “resaltando unha obra representativa de cada un deles” e analizando tamén a vixencia actual do escritor. Céntrase a seguir na obra La Légende des Siècles (A Lenda dos Séculos), na que se integra O reiciño de Galicia, e comenta a súa elaboración, os seus contidos e o sentido que para o seu autor ten a épica e a Historia. Tralo texto poético inclúese un estudio poético que se ocupa da cronoloxía da composición, dos trazos estilísticos e a métrica, da importancia da obra e das fontes empregadas, dos paralelismos entre a Historia e a epopea e, finalmente, da paisaxe presente no poema. Ademais, considérase a presencia de Galicia noutras obras do romántico francés, ofrécense detalles sobre a traducción e unha breve conclusión. O texto, en edición bilingüe francés-galego, está constituído por once cadros en versos alexandrinos e constrúese sobre a dicotomía entre o Ben e o Mal, representados, respectivamente, por Roldán, que ó final libera a Nuno, e polos dez infantes de Asturias, que pretenden, sen conseguila, a usurpación do reino de Galicia. Recensións: - X. Mª Castro Erroteta, “O que puido ter sido e non foi”, A Nosa Terra, “Guieiro Cultural”, nº 821, 12 marzo 1998, p. 24. Recomenda a lectura deste libro por ser unha obra que deixa “unha certa sensación de fachenda de ser galego”. Alén disto louva a calidade da traducción e ó seu traductor, Henrique Harguindey, polas obras que leva trasladado ao galego. M. Blanco Rivas, “A epopea galega de Victor Hugo”, Faro de Vigo, “El Sábado”, nº 48, 14 marzo 1998, 2. Destácase o feito de que o escritor francés Víctor Hugo se tivese centrado nun asunto central na historia de Galicia, como foi o reinado do rei Don García, para facer un relato no que aparece reflectido o intento de usurpación do reino independente de Galicia a Nuno, fillo imaxinario do último rei dos galegos. Resalta tamén que esta historia se inclúa na súa grande obra La légende des siècles, na que se “narra unha visión alucinada do percorrido histórico da Humanidade”. -Ana Luna Alonso, “Víctor Hugo. Hélas!”, A Trabe de Ouro, “Publicacións”, nº 34, Tomo II, Ano IX, abrilmaio- xuño 1998, pp. 255-262. Cualifica o traballo de Harguindey Banet como “rigoroso e austero”, lóao en todo momento, por exemplo cando di que traduce “demostrando a súa honradez no tratamento meticuloso do texto”. Afirma que “O reiciño de Galicia é unha mostra de apropiación do alleo para lexitimar o corpus canónico”, en referencia ó papel que esta traducción cumpre no panorama literario galego. Pensa que a autoridade literaria de Víctor Hugo, a cuestión de estarmos diante dun texto medieval e outras consideracións anexas, teñen moito que ver coa necesidade de que este texto entre a formar parte do sistema literario de Galicia. -M. Quintáns S., “Víctor Hugo en galego”, El Correo Gallego, “Edición 7”, 7 xuño 1998, p. XIV. Salienta a calidade da traducción desta obra ó galego. Reclama maior atención para os traductores por seren eles os que lle dan calidade e creto á obra traducida. Para rematar fala das principais características argumentais e da relevancia que ten que un escritor da altura de Víctor Hugo se teña centrado na historia de Galicia precisamente cando se estaba a produci-lo seu despertar histórico. Referencias varias: -A. R. López, “Cen números de liberdade”/“Laiovento’ cumpre cen libros ‘editados en liberdade”, O Correo Galego/El Correo Gallego, 19 febreiro 1998, p. 43/p. 14. Noticia sobre a presentación da versión galega de O reiciño de Galicia, de Víctor Hugo e O parable ascenso de Arturo Ui, de Bertold Brecht, ámbalas dúas publicadas en 1998 por Edicións Laiovento. Céntrase na intervención de Francisco Pillado Mayor, director da editorial, que se refire ós números 100 e 101, polo que se fai balance dos sete anos de existencia da editorial. Saliéntase, así, que libros como O libro das devoración (1996), de Pilar Pallarés ou Veladas indecentes (1996), de Manuel Lourenzo, non foron adquiridos pola Consellería de Cultura por motivos ortográficos logo de obteren, respectivamente, o Premio Nacional de Literatura e o Premio da Crítica Española. Tamén alude o director da editorial á consideración de “non prioritario” por parte da Xunta da traducción de Fausto, que fixo Lois Tobío. Saliéntase que as maiores críticas do director da editorial cara á Administración Autonómica foron determinadas polo “secuestro” dunha escolma de Sempre en Galiza. Por último, coméntase que Pillado Mayor anunciou a súa intención de lle enviar a Diz Guedes un exemplar de O parable ascenso de Arturo Ui, obra na que “Bertold Bretch desbota a idea de que o fascismo é un feito histórico illado”. -Rodri García, “El rey Nuño entra en Compostela”, La Voz de Galicia, 19 febreiro 1998, p. 80. Informa da presentación, en Santiago, da traducción ó galego que Henrique Harguindey Banet fixo dunha epopea escrita por Víctor Hugo e que forma parte do seu libro La leyenda de los siglos. Trátase dunha obra titulada O reiciño de Galicia, publicada por Laiovento, na que o protagonista é Nuño, fillo do rei García. -Manuel Vidal Villaverde, “Marzo”, Atlántico Diario, “De catro a catro”, 3 marzo 1998, p. 28. Informa da publicación na editorial Laiovento de O reiciño de Galicia, poema de Víctor Hugo traducido por Henrique Harguindey Banet e ilustrado por Urbano Lugrís Vadillo. -Miguel Anxo Seixas, “O reiciño de Galicia”, O Correo Galego, “A Maltrana”, 6 abril 1998, p. 3. Fai un repaso polas obras que Henrique Harguindey ten traducido ó galego para destaca-la calidade que teñen as súas traduccións e en especial O reiciño de Galicia, de Víctor Hugo que saíu recentemente do prelo. A seguir fai unha pequena síntese do argumento de cada unha das partes deste texto. -Manuel María, “Os reises de Galicia”, El Correo Gallego, 21 abril 1998, p. 3. O feito de se publica-la epopea O reiciño de Galicia, de Víctor Hugo na editorial Laiovento dálle pé a Manuel María para se centrar na figura do rei de Galicia Don García. Asemade refírese ó importante feito que un escritor como Víctor Hugo se teña centrado nun acontecemento histórico galego, e finalmente fala da calidade da traducción de Henrique Harguindey. -Alfredo Conde, “A sabedoría no labirinto da vida”, O Correo Galego/El Correo Gallego, “Os outros días”, 1 maio 1998, p. 48/p. 4. Logo de reflexionar sobre a lectura de El laberinto y sus salidas ou Coa lei de costas, de Xoán X. Piñeiro Cochón, comenta sinteticamente a historia narrada no libro O reiciño de Galicia que a editorial Laiovento publicou para conmemora-la saída do prelo do seu libro número cen.
Premio(s)  
Observacións  Reedición na Biblioteca Gallega de la Voz de Galicia (2005) ISBN: 84-9782-374-5
Ficheiros