Textos críticos |
Edición bilingüe, en galego e italiano, da obra de Giacomo Leopardi (Recanati, 1798-Nápoles,
1837) Cantos. O volume ábrese cunha “Nota do traductor”, Suso Pensado, no que afronta o
problema da fidelidade da traducción ó texto orixinal, decantándose el por mante-lo metro e
contido. Así mesmo, expón os criterios de selección que seguiu na escolla dos poemas e ofrece
algunhas notas biobibliográficas do poeta. O volume recolle vinte poemas paradigmáticos dunha
actitude vital que marca o Romanticismo: as dúbidas sobre a existencia, o amor, o inexorable
paso do tempo e a debilidade do home ante a natureza, todo tinxido da angustia e do pesimismo
propios do espírito romántico.
Recensións:
-Carlos L. Bernárdez, “O romántico canto dun paxaro solitario”, Guía dos libros novos, nº 2, “Literatura.
Poesía”, decembro 1998, p. 27.
Reflexiona sobre os Cantos, de Giacomo Leopardi e considera a este autor como “prototipo do poeta
romántico malgré lui” que fai unha obra “de forma austera, ordenada, clásica”. Subliña que o escritor ve no
racionalismo ilustrado e na súa continuación romántica un perigo para o ideal de equilibrio entre o home e a
natureza. De seguido, define os Cantos como un conxunto poético perfecto, “de formalismo clasicista e
sobriedade, inzados dun fondo e radical escepticismo”; neles observa unha “resignación estoica” fronte a
un mundo sentido como “ilusorio e indigno”. Cita algunhas das temáticas rexistradas na obra e centra a súa
atención no amor, a vellez e a tristeza. Do primeiro di que aparece ás veces moi relacionado coa morte da
amada e outras é “a chave da procura vital”. Recolle algúns versos como exemplo da dor como símbolo da
vida que lle recorda o “cravo cravado no corazón”, de Rosalía de Castro. Da vellez e da tristeza, resalta que
o poeta se serve delas para as súas cavilacións filosóficas nas que se pregunta polo significado da vida e o
porqué da existencia.
Referencias varias:
-Manuel Vidal Villaverde, “Magosto”, Atlántico Diario, “De catro a catro”, 17 novembro 1998, p. 22. |