Biografía |
Avelino Díaz naceu no lugar da Travesa, na parroquia de Santa Comba da Órrea, no Concello de Riotorto, provincia de Lugo, o 14 de novembro de 1897. Fillo de nai solteira, a súa paternidade atribúeselle a Manuel María García Castro, home culto e autor de numerosos poemas, moitos deles publicados en El agricultor, revista de agricultura do concello de Riotorto. Del, talvez, herdou Avelino o interese pola cultura e a vea poética. Dous días despois do seu nacemento aparece inscrito no Rexistro civil de Riotorto polo seu tío Diego López, como “fillo ilexítimo de pais que agora non poido expresar”. Antonia Díaz, nai de Avelino, traballaba como criada na casa do pai de Avelino e parece que foi despedida ao quedar embarazada con 22 anos.
Avelino viviu na Órrea, no seo dunha familia labrega moi humilde ata os dez anos, cando nai e fillo trasladaron a súa residencia á veciña localidade de Meira, momento no que a nai recoñeceu a Avelino como fillo seu. Ós doce anos, Avelino colleu, acompañado dun familiar, o vieiro da emigración cara a Bos Aires (Arxentina)
“Doce anos tiña eu cando o meu parente, aventureiro e codicioso, me trouxo pr-América, sin que eu, a esa edade, tivese deseios de vir nin motivos ou razós que me obrigasesen a sair da nosa terra, xa que drento d-unha relativa probeza, non me faltaba de nada (…) Eu non emigrei pol-o me deseio. Quizabes, cando fose mais grande o fixese, pero, d-aquela, non fixen mais que reaizar unha aición, de obediencia, como se me dixesen que fose sachar patacas ó leiro ou levar as ovellas ó monte”. (“Eu tiña doce anos”, Alborada, nº 125, VII-XII-1944).
Pasados seis anos e sen coñecer a prosperidade económica, retornou a Meira, exercendo como mestre “do ferrado”, mestre sen titulación que recibía en especies (trigo, centeo ou millo) a súa retribución en tres aldeas da contorna, e acudindo ás segas a Castela, recurso económico que paliaba as penurias económicas de moitas familias da comarca.
“Mais o resultado inmediato foi que, ós poucos anos, o meu parente e mais eu, voltamos á terra con unhas cantas cadelas que, por certo, non chegaron para media merenda” (“Eu tiña doce anos”, cit.)
Avelino asistira á escola primaria da época, á que acudían mesturados os rapaces das diferentes idades e cando os traballos do campo o permitían. Sería xa na emigración cando, grazas ao seu esforzo e interese por aprender, combinando horas de traballo e estudo e, sobre todo, lendo toda canto caía nas súas mans, acadou a súa formación intelectual.
“Cando cheguei aquí non sabía, certamente, mais que un pouco desa mal chamada doutrina cristiana, sabía moitas oraciós, que maldita a cousa para a que me serviron, pro, non sabía casi nada das cousas que teñen valor na vida" (Alborada, nº 25, cit).
Con 22 anos retoma outra vez o camiño da emigración, esta vez cara a Cuba, asentándose, pasado un ano, definitivamente en Bos Aires e non regresando xa nunca máis a Galiza.
En Bos Aires traballou como administrativo nunha das empresas leiteiras máis importantes de Arxentina (La Martona) e casou cunha moza navarra, tamén emigrante, Felisa Iduriaga, seis anos máis nova ca el, coa que tivo catro fillos, Avelino, Armando, Alfredo e Alberto.
Morreu Avelino o 29 de marzo de 1971, aos 73 anos de idade, cego e enfermo de alzheimer, e está soterrado no Panteón do Centro Galego de Bos Aires, preto das tumbas de Castelao e Ramón Suárez Picallo, dous grandes persoeiros a quen Avelino admiraba profundamente.
Ademais da súa inxente produción xornalística e de incursións ocasionais noutros xéneros, cos datos recompilados ata o momento, pódese afirmar que a monumental obra poética de Avelino Díaz comprende –aproximadamente– 1.178 poemas, dos cales –tamén aproximadamente– 851 permanecen inéditos ou pendentes de localizar.
A produción de Avelino Díaz esténdese ao longo de corenta e tres anos da súa vida. O primeiro texto localizado na prensa pola profesora Marivel Freire é un poema en castelán de finais de 1926, e o primeiro en galego dátase medio ano despois. O derradeiro en saír, en galego, foi o "Limiar" da obra de A. Gayoso Frías, Namoros e regueifas, en febreiro de 1970. Avelino comezou escribindo en castelán e rematou facéndoo en galego, consonte –talvez– coa súa evolución ideolóxica e coa evolución da súa propia formación.
Avelino Díaz deixou publicadas tres obras: Debezos e Pallaregas, en galego, e Flor de retama, en castelán. Coincidindo co vinte e cinco cabodano do seu pasamento, o Centro Lucense de Bos Aires publicou 11 poemas a Castelao, que Avelino deixara dedicados a el.
Paralelamente, Avelino desenvolveu unha intensa actividade xornalística en periódicos como Galicia, A Nosa Terra, ou revistas como A Fouce, Compostela, Betanzos…, desempeñando, mesmo, cargos institucionais nalgúns destes medios. É evidente que esta parte da súa obra está pendente dunha investigación profunda e rigorosa que contribúa a unha interpretación da figura de Avelino dun xeito global.
En síntese, a obra de Avelino da que existe algunha constancia estaría formada por uns 1.178 poemas, 193 artigos de prensa, 25 conferencias, obras de teatro, traducións ao/do castelán, portugués e italiano, recensións de libros... |