Ana Luna Alonso é licenciada en Filoloxía Románica e doutora en Filoloxía Francesa pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade é profesora titular no Departamento de Tradución e Lingüística da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, onde imparte docencia de grao, mestrado e doutoramento.
Dirixiu varias teses de doutoramento, coordinou cursos e xornadas, e organizou varios simposios e congresos internacionais sobre tradución e políticas de tradución.
É investigadora titular do grupo BITRAGA (A Biblioteca da Tradución Galega) e participa no proxecto da Universitat de Barcelona sobre «La traducción literaria en España (Repertorio informatizado crítico-bibliográfico das traducións publicadas en España dende 1940)».
Entre as súas actividades dedicadas aos Estudos de Tradución, hai que incluír os estudos socioculturais do contexto no que se desenvolve a tradución, dende e cara ás linguas minorizadas, a historia da tradución e das persoas que traducen, o estudo dos fluxos de tradución e as políticas de tradución editorial.
Silvia Montero Küpper é profesora de Tradución e Interpretación da Universidade de Vigo, onde imparte clases teóricas e prácticas de tradución no grao e no máster, así como no programa de doutoramento.
A súa investigación actual está centrada na tradución editorial especialmente dende e cara ó galego, nas políticas de tradución e sostibilidade cultural e na lexicografía galego-alemán-galego.
É investigadora principal do grupo de investigación BITRAGA e membro do proxecto «Panorama e desenvolvemento da tradución en Galicia» da Universidade de Vigo. Conta con varias contribucións en congresos internacionais e publicacións sobre aspectos contrastivos entre as linguas alemá e galega, así como sobre paratextos e tradución . Co-editou os volumes Tradución e Política editorial de Literatura infantil e xuvenil, Vigo 2006, e Translation Quality Assessment Policies from Galicia, Berna (etc.) 2011, entre outros.
Iolanda Galanes Santos é doutora en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela, realizou estudos de posgrao na Universidade de Laval (Quebec). A súa investigación encádrase en dúas liñas de traballo: dunha banda a Terminoloxía, Linguas de especialidade e a Tradución especializada e, doutra, a Tradución literaria en Galicia. A esta última liña pertence o Catálogo Virtual da Tradución Galega, elaborado no seo do grupo BITRAGA, alén de varias ublicacións nas que analiza as relacións do sistema literario galego con outras literaturas a través da tradución.
É autora de tres monografias, unha decena de dicionarios especializados de ámbito internacional, participa desde hai dúas décadas en congresos internacionais, publica regularmente artigos académicos froito da súa colaboración en proxectos de investigación subvencionados e traduciu máis de trinta monografias principalmente de ensaio.
É presidenta da Sociedade Galega de Terminoloxía desde a súa fundación e prestou servizos como tradutora en varias entidades como a Escola Galega de Administración Pública, o Boletín Oficial do Estado ou o Centro de Estudos Constitucionais e nas principais empresas editoras galegas. Entre 1999 e 2005 foi coordinadora técnica da Sección de Lingua do Consello da Cultura Galega, labor que compatibilizou coa docencia na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo.
Actualmente desenvolve a súa actividade docente na titulación de Tradución e Interpretación da Universidade de Vigo.
Doutora en Filoloxía Románica pola Universidade de Santiago de Compostela onde impartiu docencia como profesora titular ata 1995, Áurea Fernández Rodríguez forma parte actualmente do cadro do persoal da Universidade de Vigo.
Membro de grupos de investigación sobre a tradución literaria en Galicia e en España financiados polo Ministerio de Ciencia y Tecnología (Plan Nacional de Investigación Científica, Desarrollo e Innovación Tecnológico) e cofinanciado con FEDER; entidades colaboradoras: Universidade de Vigo e Universitat de Barcelona.
As principais liñas de investigación nas que centra o seu traballo son: tradución, terminoloxía, literatura francófona e literatura comparada.
Conta con colaboracións de carácter internacional en España e noutros países europeos como Alemaña, Suiza, Francia, Italia, Portugal, Romanía… Tamén colaborou en reunións científicas en Brasil, Canadá e Cuba.
Robert Neal Baxter é licenciado en Lingüística e doutor en Tradución e Interpretación. Na actualidade é profesor de interpretación simultánea e consecutiva (inglés-galego) no grao de T&I da Universidade de Vigo, onde imparte tamén docencia no programa de doutoramento. A súa investigación está centrada na T&I en relación con cuestións de xénero e identidade sexual por un lado e o impacto da T&I nas linguas socialmente non normalizadas, nomeadamente o galego e o bretón.
Patricia Buján Otero é doutora en Tradución pola Universidade de Vigo. Na actualidade, compatibiliza a súa actividade como tradutora (traducion.gal) e editora (Catro Ventos) coa de profesora asociada no grao en Tradución e Interpretación da Universidade de Vigo e no Máster para a Comunicación Internacional desta mesma universidade. As súas principais liñas de investigación son as políticas de edición, a fraseoloxía e a calidade en tradución. Forma parte do grupo de investigación Bitraga, do comité científico de Cadernos de Fraseoloxía Galega e do comité de redacción de Viceversa. Revista Galega de Tradución. No eido literario, é autora de máis de 20 traducións do alemán, catalán e inglés ao galego de obras de Rachel Carson, Byung-Chul Han, Stefan Zweig, Johanna Spyri, Hans Fallada e Patrick Süskind, entre outras autorías.