Ana Luna Alonso

Ana Luna Alonso é licenciada en Filoloxía Románica e doutora en Filoloxía Francesa pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade é profesora titular no Departamento de Tradución e Lingüística da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, onde imparte docencia de grao, mestrado e doutoramento.

Silvia Montero Küpper

Silvia Montero Küpper é profesora de Tradución e Interpretación da Universidade de Vigo, onde imparte clases teóricas e prácticas de tradución no grao e no máster, así como no programa de doutoramento. A súa investigación actual está centrada na tradución editorial especialmente dende e cara ó galego, nas políticas de tradución e sostibilidade cultural e na lexicografía galego-alemán-galego.

Iolanda Galanes Santos

Iolanda Galanes Santos é doutora en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela, realizou estudos de posgrao na Universidade de Laval (Quebec). A súa investigación encádrase en dúas liñas de traballo: dunha banda a Terminoloxía, Linguas de especialidade e a Tradución especializada e, doutra, a Tradución literaria en Galicia.

Áurea Fernández Rodríguez

Doutora en Filoloxía Románica pola Universidade de Santiago de Compostela onde impartiu docencia como profesora titular ata 1995, Áurea Fernández Rodríguez forma parte actualmente do cadro do persoal da Universidade de Vigo. As principais liñas de investigación nas que centra o seu traballo son: tradución, terminoloxía, literatura francófona e literatura comparada.

Robert Neal Baxter

Robert Neal Baxter é licenciado en Lingüística e doutor en Tradución e Interpretación. Na actualidade é profesor de interpretación simultánea e consecutiva (inglés-galego) no grao de T&I da Universidade de Vigo, onde imparte tamén docencia no programa de doutoramento. A súa investigación está centrada na T&I en relación con cuestións de xénero e identidade sexual por un lado e o impacto da T&I nas linguas socialmente non normalizadas, nomeadamente o galego e o bretón.

Patricia Buján Otero

Patricia Buján Otero é doutora en Tradución pola Universidade de Vigo. Na actualidade, compatibiliza a súa actividade como tradutora (traducion.gal) e editora (Catro Ventos) coa de profesora asociada no grao en Tradución e Interpretación da Universidade de Vigo e no Máster para a Comunicación Internacional desta mesma universidade. As súas principais liñas de investigación son as políticas de edición, a fraseoloxía e a calidade en tradución. Forma parte do grupo de investigación Bitraga, do comité científico de Cadernos de Fraseoloxía Galega e do comité de redacción de Viceversa. Revista Galega de Tradución. No eido literario, é autora de máis de 20 traducións do alemán, catalán e inglés ao galego de obras de Rachel Carson, Byung-Chul Han, Stefan Zweig, Johanna Spyri, Hans Fallada e Patrick Süskind, entre outras autorías.