Tomamos o pulso ao mercado da interpretación en Galiza

As profesionais da interpretación que forman parte da AGPTI están a detectar nos últimos tempos unhas determinadas mudanzas no mercado desta profesión en Galiza. Por iso, decidimos xuntarnos e procurar a colaboración da Universidade de Vigo para dar forma a unhas xornadas nas que todos os axentes implicados na interpretación poidamos debater e conversar sobre o estado da profesión, as mellores prácticas (e non tan boas), as necesidades de quen contrata estes servizos e como podemos traballar conxuntamente pensando nun futuro sostíbel para quen se dedica profesionalmente á interpretación na nosa terra, mais tamén para que as entidades e empresas contratantes e as xestoras poidan falar directamente coas persoas que poñen en práctica este servizo.

 

Moitas veces ten chegado á AGPTI a idea de que, nos últimos anos, hai quen organiza congresos nas principais cidades galegas e está a contar con profesionais que veñen de fóra, ou escoitamos que os prezos dos servizos están a descender de xeito dramático. Estas dúas informacións son preocupantes por si soas mais, de feito, tamén son contraditorias. Como asociación implicada co futuro da nosa profesión, preocúpanos que esta mudanza do mercado poida ter consecuencias negativas sobre a súa calidade e estabilidade. Por iso queremos entender os motivos e procurar o xeito de que tanto as persoas que estudan na Universidade de Vigo como as que teñen anos de experiencia poidan exercer o seu traballo dun xeito digno.

 

Esta xornada de traballo terá lugar no salón de actos da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo o vindeiro 5 de febreiro de 2019, das 9.30 ás 14.00 h. O programa consiste en dúas mesas redondas:

 

09.30 Presentación

Iria Taibo (presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación) e Luis Alonso (profesor de interpretación e decano da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo).

 

10.00-11:30 Mesa redonda 1 – As empresas de interpretación e de organización de eventos e os clientes finais

Convidamos as axencias de tradución e interpretación e as empresas organizadoras de eventos a falaren de como ven o mercado na actualidade, tanto aquelas que fan de intermediarias entre clientela final e intérpretes coma os propios clientes finais. O obxectivo é falarmos de novos axentes que comezan a introducirse neste sector e de como consideran as participantes que isto está a mudar o seu xeito de traballar e as condicións de traballo para as e os profesionais, ademais de coñecer as principais problemáticas e necesidades deste sector na actualidade e a súa relación con esta industria.

Interveñen: Aída Cordeiro (CEO de Attesor Traducción y Comunicación), Elena Martín (xerente de Nartran Translations), Ana Trevisani (presidenta de OPC Galicia) e Belén Vallina (xerente da Fundación Vigo Convention Bureau)
Modera: Lara Domínguez (intérprete de conferencias e doutora en Interpretación)

 

11.30-12.00 Pausa

 

12.00-13:30 Mesa redonda 2 – As profesionais da interpretación

Queremos falar da situación actual da profesión, non só para queixármonos (que tamén, se é preciso), senón para facer propostas desde o punto de vista das caras visíbeis da interpretación, e das persoas que están máis en contacto con todos os axentes implicados. Queremos saber cara a onde tiraría a interpretación en Galiza (e en galego), se das profesionais dependese.

Interveñen: Iria Castro, María Reimóndez, Michael Skinner e Tania Souto
Modera: Luis Alonso (profesor de interpretación e decano da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo)

 

14.00 Conclusións. Lara Santos (intérprete de conferencias e vogal de Interpretación da AGPTI)

 

Inscrición obrigatoria e gratuíta ata o día 1 de febreiro en https://goo.gl/forms/cCS8lm5TESp5385y2. Entregarase un certificado de asistencia a quen o solicite no momento da inscrición.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

You may use these HTML tags and attributes: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>